



PRESENTACIÓN DA REVISTA DE BANDA DESEÑADA "ENORMIC BANDA"
Hoxe xoves tivo lugar a presentación do número 12 da revista de banda deseñada ENORMIC BANDA, realizada por alumnos e alumnas dos centros de Secundaria do Salnés. No acto participou un grupo de alumnos e alumnas en representación dos autores, o escritor Manuel Portas, autor do prólogo e representantes da Coordindora do Salnés. Tivo lugar no Salón de Actos do IES Armando Cotarelo de Vilagarción, que estaba repleto de rapaces do centro.
36 rapaces e rapazas e un colectivo para 31 historias. O Enormic deste ano é deles..., e de todos vós. Porque erades moitos máis. E aínda que ao final os vosos traballos non estean na revista, esta é o resultado do voso esforzo e da vosa creatividade, que como se ve é moita.Os mozos e mozas artistas do Salnés son capaces de converter as horas que pasan diante da tele en historias de papel, de Picachus, Sing Chans, Garfields e Bob Esponxa, e mais Pocoeu remexidos nas historias. Ou cando Rihana e mais Lady Gaga, acaban a trompadas, no papel, claro. Nin Bones, nin CSI superan as roldas de recoñecemento das historias do Enormic. Tamen descubrimos que as mellores historias de fantasmas son as nosas. E aínda que pensedes que non tamén é cousa de Física (de Punset) e Química dos átomos e as palabras.
Aínda que, non vos enganar, nada máis abrir a revista tamén descubrimos que os nosos rapaces len a Ferrín, e cóntano moi ben con debuxos.
E, como non, moito amor. Que non falte. Se fai falla, tamén se compite por el, ás carreiras en bicicleta. Que por amor a serpe comeu o rato. E amizade e compañeirismo, e traizón tamén. E a beleza, a de dentro e mais a de fóra.
Moita música tamén, moitos decibelios e as palabras. Violinistas que tocan rock duro e humor e chistes, como non. E aventuras e, non vos estrañedes, moito pensamento e reflexión e soños...
Con isto e coa man que nos botaron para a portada, Uxío López, e Manuel Portas para o prólogo, xa temos o prato rematado. Enormic Banda 12. Que vos aproveite.
Autor da portada: Uxío López
Uxío López naceu en Irún en 1958, aínda que vive en Vilagarcía dende hai anos. Din del que é un artista orixinal, que non segue ningún tipo de criterio preestablecido. El mismo di que comeza un cadro cunha serie de erros, e a obra xorde a partir da corrección deses erros a través do sentimento. O resultado final e o proceso detido nun intre en que o que procuraba resplandece á súa vista.
Realizou múltiples exposicións: "Coincidencias" circuitos da Xunta de Galicia, "Círculos" en Fexdega,"7 Patinazos", xunto con Paco Leiro, Manolo Paz etc. Así como exposicións individuais: "Aluminio"en la galería Borrón 4 de Cambados,"Vinteporvinte" na galería Arcana en Vilagarcía de Arousa, así como na galería Sargadelos de Santiago de Compostela. Tamén “Caixa de sorpresas”em Tokonoma Iluminación de Santiago, “Barullo Branco” en Vilagarcía, e nestes momentos expón Inéditos+Audiovisual Barullo Branco no SPAF de MrMisto de Vilagarcía.
Autor do limiar: Manuel Portas
Manuel Portas naceu en Barcelona, en 1960, pero as súas orixes familiares están en Vilaxoán. É profesor de lingua e literatura galegas no ensino secundario en Santiago de Compostela. Destaca o seu labor en obras didácticas e pedagóxicas e tamén no campo da análise sociolingüística, onde salienta Lingua e sociedade na Galiza (1990), obra de referencia obrigada na sociolingüística galega. Colaborador habitual da prensa compostelá, tamén partiacipou no goberno do Concello de Santiago durante dous mandatos.
En 2010 publicou a súa primeira novela, Denso recendo a salgado.
Acaba de presentar outro libro baixo o título de Un dedo manchado de tinta.
DATOS DE INTERESE SOBRE A REVISTA
Tiraxe de 1400 exemplares de 47 páxinas repartidos nos centros que forman parte do proxecto da Coordinadora.
Centros que forman parte da Coordinadora de ENDL do Salnés:
IES Miguel Ángel González
IES Castro Alobre
IES Armando Cotarelo
IES Bouza Brey
IES A Basella
IES Faro das Lúas
IES Illa de Arousa
IES RamónCabanillas
IES Francisco Asorey
IES Vilalonga
IES Monte da Vila
IES de Barro