11.05.2012

III día da ciencia en galego



Con motivo da celebración do III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística eo servizo de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organizan esta videoconferencia vía web na que destacados investigadores en Física de Partículas formados en institutos galegos achegarán temáticas de interese curricular para o alumnado e os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Ademais de seguir a videoconferencia, teremos a posibilidade de interaccionar con eles vía chat a través dunha sala virtual.

Título: "Facendo Física de Partículas polo mundo"

Relatores:
Patricia Conde. Investigadora no LIP de Lisboa. Física do experimento ATLAS do CERN.
Olalla Castro. Profesora no City University en Londres. Investiga en Teoría Cuántica de Campos.
Abraham Gallas. Investigador no CERN e na USC. Físico do experimento LHCb do CERN.
Carlos Salgado. Investigador no CERN e na USC. Investiga o estado da materia nos primeiros instantes do Universo..
Cibrán Santamarina. Profesor da USC. Traballa no experimento LHC do CERN.
Contido: Os experimentos do LHC (Large Hadron Collider) no CERN (Organización europea para a investigación nuclear) levan máis de dous anos de toma de datos. Neste período producíronse resultados científicos de grande interese. A descuberta dunha resonancia que podería ser o bosón de Higgs, que foi noticia de primeira páxina en todos os informtivos do mundo, a pescuda de partículas supersimétricas, os resultados na busca do plasma de quarks e gluons, o estado da materia do universo primitivo, son só algúns dos fitos acadados.
Neste proxecto internacional traballan físicos galegos que colaboran con colegas de todo o mundo nun contexto multilingüe. Moitos deles utilizan o noso idioma para realizar parte do seu traballo, tanto no contexto informal de discusións entre eles, como para a realización de traballos científicos (teses e teses de mestrado) así como na docencia e a divulgación científica.
Nesta actividade reuniremos nunha videoconferencia a varios investigadores espallados polo mundo que participan nos experimentos do LHC e que nos contarán a súa experiencia científica e lingüística e as vantaxes que lles supuxo saber falar galego. 
A actividade terá lugar no Salón de Actos do Cotarelo ás 12:30 horas. Asistirán os grupos de 4º A, 1º Bac, e 2º Bac A

11.04.2012

ollos de aula

o pasado mes de outubro chegou ás familias do Cotarelo a revista Ollos de Aula, que segundo as nosas noticias tivo moi boa acollida en toda a comunidade educativa. Xa estamos preparando a entrega do segundo número. É unha iniciativa da Coordinadora Galega de ENDL. Se queres, podes consultala aquí: OLLOS DE AULA