4.03.2014

Entrega de premios do XX Concurso de Adhesivos do Salnés pola Normalización Lingüística

O pasado mércores, 2 de abril, tivo lugar a entrega dos premios da vixésima edición do Certame Gráfico pola Normalización Lingüística, organizado pola Coordinadora de EDL do Salnés. O acto, no IES Monte da Vila do Grove, estivo apadriñado polo coñecido debuxante e ilustrador Luís Davila, que ademais agasallou ao alumnado do centro anfitrión cun deseño da súa creación, Dora Desbrosadora, feito no transcurso da actividade.

Os premiados foron agasallados cun diploma acreditativo, e con exemplares de autocolantes editados co nome dos respectivos autores e autoras. O xurado destacou "especialmente a variedade temática á hora de abordar o tema, o cal queda perfectamente reflectido nas obras gañadoras. Constatamos a capacidade do alumnado para verquer con orixinalidade e sentido do humor a súa relación coa lingua como instrumento de comunicación tamén nas novas canles criadas polas redes sociais, territorio onde a mocidade se expresa con espontaneidade e soltura."
Na categoria de 1º e 2º ESO o primeiro premio foi para Roberto Corral Ortiz do IES Castro Alobre de Vilagarcía, co lema"Clickea en galego".O segundo posto foi para Andrea Garrido González (IES Villalonga) co lema "naveg@lego". Martín Castro Parada (IES Monte da Vila) acadou o primeiro premio da categoría de 3º 4º ESO seguido da alumna dese mesmo centro, Clara Caneda Otero. Beatriz Lorenzo Pereira (IES Miguel Ángel González) gañou na categoría de Bacharelato, acadando o segundo lugar  Estefanía Muras Serantes (IES Francisco Asorei).


 O EDL do IES Monte da Vila, encargado da organización do acto, ao ser o centro con máis traballos premiados, preparou a correspondente e xeitosa exposición que logo percorrerá os centros participantes no concurso, que este ano foron os seguintes:
IES Miguel Ángel González
IES Castro Alobre
IES Armando Cotarelo
IES Bouza Brey
IES A Basella
IES Faro das Lúas
IES Illa de Arousa
IES RamónCabanillas
IES Francisco Asorey
IES Vilalonga
IES Monte da Vila
IES de Barro
CPI Mosteiro
Editáronse un total de 7500 exemplares dos adhesivos que serán repartidos entre os centros citados.
Para pechar o acto, os representantes dos centros que forman parte da Coordinadora agradeceron a participación de Luís Davíla, que levou como agasallo unha mostra dos traballos gañadores, así como unha colección completa dos 14 exemplares da revista de banda deseñada ENORMIC BANDA, realizada polo alumnado dos centros do salnés e promovida desde 1996 pola Coordinadora do Salnés



Nenhum comentário:

Postar um comentário