11.05.2012

III día da ciencia en galego



Con motivo da celebración do III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística eo servizo de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organizan esta videoconferencia vía web na que destacados investigadores en Física de Partículas formados en institutos galegos achegarán temáticas de interese curricular para o alumnado e os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Ademais de seguir a videoconferencia, teremos a posibilidade de interaccionar con eles vía chat a través dunha sala virtual.

Título: "Facendo Física de Partículas polo mundo"

Relatores:
Patricia Conde. Investigadora no LIP de Lisboa. Física do experimento ATLAS do CERN.
Olalla Castro. Profesora no City University en Londres. Investiga en Teoría Cuántica de Campos.
Abraham Gallas. Investigador no CERN e na USC. Físico do experimento LHCb do CERN.
Carlos Salgado. Investigador no CERN e na USC. Investiga o estado da materia nos primeiros instantes do Universo..
Cibrán Santamarina. Profesor da USC. Traballa no experimento LHC do CERN.
Contido: Os experimentos do LHC (Large Hadron Collider) no CERN (Organización europea para a investigación nuclear) levan máis de dous anos de toma de datos. Neste período producíronse resultados científicos de grande interese. A descuberta dunha resonancia que podería ser o bosón de Higgs, que foi noticia de primeira páxina en todos os informtivos do mundo, a pescuda de partículas supersimétricas, os resultados na busca do plasma de quarks e gluons, o estado da materia do universo primitivo, son só algúns dos fitos acadados.
Neste proxecto internacional traballan físicos galegos que colaboran con colegas de todo o mundo nun contexto multilingüe. Moitos deles utilizan o noso idioma para realizar parte do seu traballo, tanto no contexto informal de discusións entre eles, como para a realización de traballos científicos (teses e teses de mestrado) así como na docencia e a divulgación científica.
Nesta actividade reuniremos nunha videoconferencia a varios investigadores espallados polo mundo que participan nos experimentos do LHC e que nos contarán a súa experiencia científica e lingüística e as vantaxes que lles supuxo saber falar galego. 
A actividade terá lugar no Salón de Actos do Cotarelo ás 12:30 horas. Asistirán os grupos de 4º A, 1º Bac, e 2º Bac A

11.04.2012

ollos de aula

o pasado mes de outubro chegou ás familias do Cotarelo a revista Ollos de Aula, que segundo as nosas noticias tivo moi boa acollida en toda a comunidade educativa. Xa estamos preparando a entrega do segundo número. É unha iniciativa da Coordinadora Galega de ENDL. Se queres, podes consultala aquí: OLLOS DE AULA

6.01.2012

Xurxo Souto no Cotarelo


Xurxo Souto é coñocido sobre todo por ser o vocalista de Os Diplomáticos de Monte Alto e locutor de radio. Referente do rock bravú en Galicia, colaborou en distintas publicacións, entre elas a revista Bravú.
Outra das súas facetas foi a de escritor, e ten publicados os libros de relatos A tralla e a arroutada (1995), Fumareu (1997) e Tres trebóns (2005); a novela O retorno dos homes mariños (1999) e a recopilación de artigos Contos da Coruña (2001), todos eles editados por Edicións Xerais.
Ademais, formou o grupo musical Os Tres Trebóns, onde se ocupa da voz e o acordeón.
Tamén traballou como actor en producións galegas, como Mareas Vivas ou a longametraxe Entre Bateas de Jorge Coira.
Actualmente traballa como director e presentador de Música Ambiente, un programa que tenta servir de portal para os músicos emerxentes galegos que amosan as súas cancións na rúa, en V televisión.

Aí queda un video Oda ao futbolín, dos Diplomáticos para o Xabarín Clube. 

4.20.2012

VILAMOR. TÉS QUE VELA

Hoxe tivemos unha visita moi especial no Cotarelo. Estiveron con nós Ignacio Vilar (director), Sabela Arán (Sonia) e Rubén Riós (Breixo) presentando a película VILAMOR, que este fin de semana se estrea en Vilagarcía. Pasamos unha hora moi agradable e divertida, aprendendo como se fai unha longametraxe, disfrutando dunha morea de anécdotas da rodaxe do filme, e desexando ver a peli, que promete ser un novo éxito do cine na nosa lingua. Aí quedan as imaxes

Toda a información sobre a película AQUÍ







4.19.2012

CARAVANA VILAMOR

A caravana de Vilamor chega ao Cotarelo. Mañá venres, 20 de abril, o director da película e varios actores presentarán a mesma ao alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato. Este fin de semana, podes vela nos cines de Vilagarcía. TES QUE VELA

2.23.2012

entrega de premios 2012 CONTRA A CRISE, EN GALEGO



Venres 24 de febreiro no IES Ramón Cabanillas de Cambados. 12:50 horas. Entrega dos premios do XVIII certame gráfico pola normalización lingüística.
Este ano o tema era: CONTRA A CRISE, EN GALEGO. Saíron cousas ben bonitas.

ORGANIZA A CORDINADORA DE EDL DO SALNÉS