4.04.2014

Luís Davila no Cotarelo

O pasado mércores 2 de abril tivemos a sorte de poder contar coa presenza do debuxante e ilustrador Luís Davila no noso centro. Os alumnos de 3º e 4º de ESO encheron o Salón de Actos para disfrutar dun obradoiro exprés baixo o título "Da idea á viñeta".

O prestixioso deseñador falounos do importante que é mirar ao seu arredor e observar a realidade para poder crear os traballos que cada día publica no Faro de Vigo e no seu blog O Bichero.
E sobre todo debuxou, debuxou moito, sorprendendo e agradando ao público asistente, alumnado e profesorado.

Revelounos os as súas técnicas para dar expresións diferentes ao rostro, para expresar o paso do tempo nos personaxes, os formas das caras, e agasallounos cun magnífico panel de caricaturas.
Como dixo Ignacio, o dire, na presentación: "A obra de Luís transmite unha mirada moi “galega” no “bo sentido da palabra”. Consecuentemente con iso a súa escolla lingüística tamén é moi “galega”, tamén no bo sentido da palabra. As tiras de Davila seccionan transversalmente a nosa realidade, non deixando títere con cabeza en ningún sector social. Dignificando ademais, o papel das clases populares, labregas e mariñeiras do noso país, co seu agudísimo sentido do humor. Poucos autores e artistas galegos da actualidade son tan seguidos e tan lidos. Ningún nos fai rir tanto. Por iso está aquí."





 

O deseño de Anabel

Esta entrada vai para o deseño de Anabel Giménez Amaya de 2º ESO, que conseguiu situarse entre os traballos finalistas no XX Certame gráfico pola Normalización Lingüística do Salnés, do que falamos no anterior post. Foi o único debuxo do IES Cotarelo que conseguiu aparecer na exposición que recolle os mellores deseños de cada categoría. Parabéns Anabel.


4.03.2014

Entrega de premios do XX Concurso de Adhesivos do Salnés pola Normalización Lingüística

O pasado mércores, 2 de abril, tivo lugar a entrega dos premios da vixésima edición do Certame Gráfico pola Normalización Lingüística, organizado pola Coordinadora de EDL do Salnés. O acto, no IES Monte da Vila do Grove, estivo apadriñado polo coñecido debuxante e ilustrador Luís Davila, que ademais agasallou ao alumnado do centro anfitrión cun deseño da súa creación, Dora Desbrosadora, feito no transcurso da actividade.

Os premiados foron agasallados cun diploma acreditativo, e con exemplares de autocolantes editados co nome dos respectivos autores e autoras. O xurado destacou "especialmente a variedade temática á hora de abordar o tema, o cal queda perfectamente reflectido nas obras gañadoras. Constatamos a capacidade do alumnado para verquer con orixinalidade e sentido do humor a súa relación coa lingua como instrumento de comunicación tamén nas novas canles criadas polas redes sociais, territorio onde a mocidade se expresa con espontaneidade e soltura."
Na categoria de 1º e 2º ESO o primeiro premio foi para Roberto Corral Ortiz do IES Castro Alobre de Vilagarcía, co lema"Clickea en galego".O segundo posto foi para Andrea Garrido González (IES Villalonga) co lema "naveg@lego". Martín Castro Parada (IES Monte da Vila) acadou o primeiro premio da categoría de 3º 4º ESO seguido da alumna dese mesmo centro, Clara Caneda Otero. Beatriz Lorenzo Pereira (IES Miguel Ángel González) gañou na categoría de Bacharelato, acadando o segundo lugar  Estefanía Muras Serantes (IES Francisco Asorei).


 O EDL do IES Monte da Vila, encargado da organización do acto, ao ser o centro con máis traballos premiados, preparou a correspondente e xeitosa exposición que logo percorrerá os centros participantes no concurso, que este ano foron os seguintes:
IES Miguel Ángel González
IES Castro Alobre
IES Armando Cotarelo
IES Bouza Brey
IES A Basella
IES Faro das Lúas
IES Illa de Arousa
IES RamónCabanillas
IES Francisco Asorey
IES Vilalonga
IES Monte da Vila
IES de Barro
CPI Mosteiro
Editáronse un total de 7500 exemplares dos adhesivos que serán repartidos entre os centros citados.
Para pechar o acto, os representantes dos centros que forman parte da Coordinadora agradeceron a participación de Luís Davíla, que levou como agasallo unha mostra dos traballos gañadores, así como unha colección completa dos 14 exemplares da revista de banda deseñada ENORMIC BANDA, realizada polo alumnado dos centros do salnés e promovida desde 1996 pola Coordinadora do Salnés